xoves, 25 de outubro de 2012

O agrarismo: Basilio Álvarez

Ramón Cabanillas: Lume no pazo


LUME NO PAZO


Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada
alumea a campía.

Atronan as campanas
o val.

Quentan o aire
espesas bafaradas
de fume.

Corre a xente
berrando, atolondrada.

Ao arder o cume, as tellas
enroxecen e estalan

Caen, cruxindo, as vigas,
e o lume, ás catro bandas
envolve a terra.

Muxen
de medo os bois nas cuadras.

A xente rube ao adro
para ver onde é a desgracia
e ao mirar cara o pazo
detense amontoada.

Érguense as mans ao ceo
e sanguiñenta, tráxica,
reréxase nos ollos
a roxa labarada.

E un velliño, moi vello,
de guedelliñas brancas,
que vive de milagre,
xantando cando xanta,
vestido de farrapos
e durmindo onde cadra
- todo por mor dun preito
de rendas atrasadas,
no que os donos do pazo
deixárono sen nada-
ollando cara o lume
rise, barulla e fala
de ir buscar o gaiteiro
para que toque a gaita!

RAMÓN CABANILLAS: Vento mareiro, 1915





Texto case cinematogtráfico de Ramón Cabanillas en que un dos símbolos do vello poder señorial sobre a terra, o pazo, aparece ardendo. Dá para moito comentario, temático e formal.



venres, 12 de outubro de 2012

Vigo - Arquitectura Perdida





Con este vídeo reiniciamos a  actividade blogueira no carallocorou. Este curso contaremos coa colaboración do alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO.
Vello tema, o da arquitectura perdida en Vigo. Non é a primeira vez que recalamos nel e nos damos conta da inimaxinable cantidade de barbaridades urbanísticas que caeron como bombas nesta cidade en forma de cemento e ladrillo.
En 4º da ESO estamos tentando entender como era Vigo a principios do séc.XX, cando empezaron as conserveiras a revoulución industrial en Galiza. Os edificios derrubados ou mal parcheados son todos do estilo modernista que tanto abunda nas vilas costeiras do noso país. De telos conservado o centro de Vigo sería hoxe unha magnífica réplica dalgúns fermosos bulevares de París. En vez diso, quédanos unha pálida imitación de urbanismo neoiorquino cutre e feísimo. 
Felicitamos aos autores deste vídeo pola recreación virtual dese Vigo perdido.