luns, 27 de maio de 2013

ÁNXEL FOLE: "Antón de Cidrán"




ANTÓN DE CIDRÁN
( do seu libro  Á lus do candi, 1953)


Inanque lle pareza mentira, o señor de Sabarei falaba moitas veces conmigo, mao a mao,coma se fora do meu igoal. Era o home máis cómpito do mundo.

Contóume ísto en Lugo, nunha tasca de Mosqueira. Gostáballe moito andar polas tascas, por moi ben traxeado que fose. Moi prantado il, rebusto e sanguíñeo. Sempre viña a Lugo montado nun cabalo branco.

Antón de Cidrán era un labrego do Páramo que tamén trataba madeiras. O señor de Sabreréi díxome que era home moi botado pra diante e que se gobernaba moi ben na súa casa.

Unha vez veu a Lugo co seu compadre Pedro. Os dous viñeran a cabalo. Era polo San Froilán i o tempo estaba moi lento. Ainda non se fixera o feiral que hai hoxe. Xa sabedes que tódolos labregos, en tres leguas a redonda, van a Lugo polas festas do San Froilán. Inanque non vaian a mercar nin a vender. Tan soio por velos fuegos e por comelo pulpo. Mais iles foran a Lugo por rematar un contrato de travesas pra vía do tren. Pola mañán fixeran o contrato. Os dous estaban moi ledos, pois quedábanlles libres máis de sete mil reás. Levábanse moi ben e faguían moi bós choios. Nunca rifaran polos seus asuntos. Eran homes moi cabales iles, e non andaban un nin outro con díxome, díxome, nin con pataqueiradas. Tanto custa, tanto che dóu. Mercaron algunhas cousiñas pra as mulleres, e fóronse a comelo pulpo a unha taberna da rúa Miño. Comeron e beberon a embute, coma dous abades. E despóis fóronse ó café Español e tomaron seus cafeses e súas copiñas. E veña unha volta pola feira a velas barracas.

Coma lles foran ben as cousas, tamén había que merendar. Deixaron as bestas en cas Cosme, na mesma praza da feira, que se chamaba a plazuela da Herba.

Ninguén como Cosme pra preparar axiña unha merenda. ¡E qué bon viño de Chantada tiña! Alí estiveron outro bon rato, bebendo e parolando... O caso é que cando chegaron a Canturín xa era noite pecha.

Camiña que te camiña, logo chegaron a Paradela. Antón propoñialle a seu compañeiro que mercaran unha serrería que se vendía na Puebla. Pedro decíalle que era millor coller en aparcería o Muíño de Moscán. Faríanse ricos en poucos anos. Mais Antón vía mellor o da serrería. ¿Por qué non a serrería i o muíño? Ganarían moito máis, qui é do que se trataba. Os dous vían chover onzas do ceo.

Tiñan que atravesar a campa de Xan da Cruz, pois decidiron, pra estar cedo na casa, deixar a carretera e ir polo atallo. Aquila campa é moi grande. Alí encórase moito a iauga polo tempo das choivas e outonía.

Pedro faláballe a Antón dos bós pesos que iban ganar co muíño e a aparcería. O viño facíalle ver todo moi doado. Xa estaban frente da campa. Seu compañeiro non lle contestaba. Tívolle que berrar:

-¿Qué che pasa, home, que nos dís nada?

-Para a besta - díxolle Antón.

Pedro notoulle algo moi raro na voz. Coma si collese medo, vamos.

E tiróu das rendas á besta. Preguntoulle:

-¿E que nos salen ó camiño? Levo un bon revólver na cueira do pantalón.

-¿Non ves - díxolle o seu compañeiro - unhas luces frente de nós, pola campa adiante? Por antre os carballos levan unha caixa de morto nun carro.

-Eu - Contestoulle Pedro - non vexo luces nin nada. Xa che dixen que non bebéramos tanto. Ti tivechela culpa.

-Xuraría - díxolle Antón - que vín un enterro. Agora xa non vexo nada.  Inanque me diran canto val o mundo, non atravesaría a campa. Vamos polo camiño da Encomenda, aínda que teñamos que arrodear.
- E decindo ísto, metéu espuelas á besta.
Seu compañeiro tivo que o seguir. Unha hora despóis deixábao na casa.

Ó día seguinte. Antón foi varexar as castañs, pola mañá ben cediño. Cando estaba no cimo do castiñeiro esbaróu e caíu. Debaixo había un carro cheo de ourizos. Espetouse nun fungueiro polo bandullo, e saíalle a punta polo lombo. Levárono á casa. Mais chegóu xa difunto.

Todo aquil día chovera a todo meter. A campa de Xan da Cruz estaba no camiño do camposanto. Toda ila se asulagara. Tiveron que levala caixa nun carro de bois.

É ben certo que o que vé o seu enterro en vida, xa está cun pé no outro mundo.-








sábado, 25 de maio de 2013

LUÍS SEOANE: As ratas







Adaptación do poema de Seoane de NUCLO




venres, 24 de maio de 2013

ANXEL FOLE: Á lus do candil





ÁNXEL FOLE:

Á lus do candil (1952): "Os lobos"

Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas. E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por iles cando voltaba da feira de Viana. Algús dixeron que o mataran por arroubalo, e que despois o comeran os lobos; mais a douscentos metros de ondia o comeran foi atopado un lobo morto coa gorxa afuraiada por unha bala.
Aquiles días viran os pastores unha manada de dez cunha loba con tres lobecos. Era tempo de neve, e baixaran da serra da Moá. Ó parecer, despois de esgotados os cartuchos, quixo subirse a un albre, mais non puido. Alí estaba ó seu carón, o revólver con seis cartuchos baleiros no lombo. Era un bon revólver americano. Ó sentirse feridos algús lobos, todos se botaron enriba dil. Si tivera un bon foco eléutrico cecais se salvara. Ós lobos se non se lles fire de morte é pior. Eu matei un con dous tiros de postas. Foi morrer tres cantos máis aló de ondia o asegundara. Atináralle na testa e no fuciño, e iba deixando un regueiro de sangue. Arrincaba cos dentes os cañotos das xestas. Cecais non se me arrepuxo porque era de día.
De noite médralles o corazón e son moi valentes. Non vos riades. Tamén lles pasa iso ós lubicás. O señor cura de Peites tiña un. De noite íbase ó monte e chamaba ós lobos. Viñan con il. Din que abría os tarabelos das cuadras coma unha  persoa. Unha noite velouno o señor cura. Era un gran cazador. Tiña un rifle de dez tiros que lle trouguera un sobriño de California. Meteulle dous tiros seguidos no entrecello ó galgar un pasadelo. O crego estaba na xanela da reitoral cun foco, i o lubicán voltaba do monte, polas tres da mañá, acompañado dos lobos. Abrírono i esfolárono axiña, e viron que tiña o corazón finchado...
¿Sabedes cando se estreven os lobos cos homes? Cando teñen moita fame, ou cando se decatan de que lles teñen medo. Por iso cáseque nunca atacan a tres ou máis xuntos. Cando se atopan un home soio pola serra, póñense a traballalo. Teñen moito distinto... Xa veredes coma o traballan. De primeiro, acompáñano; despois, póñenselle diante; máis tarde, chéganlle a zorrega-las pernas cos rabos... Asín, pouquiño a pouquiño. Vén un intre en que o home xa non pode máis. O medo alporízalle os cabelos. Parécelle que lle cravaran allambres na testa. Váiselle a voz, perde o sentido. Xa está perdido. Bótanse os lobos enriba dil i esnaquízano. Cada vinte anos ou menos, dáse por istas terras un caso dises. Desaparece un home. Crese que o mataron ou que fuxiu prás Américas. Ó cabo de dous ou tres anos ninguén fala dil. Un cazador atopa nunha xesteira unha calivera. ¿De que sería? Así lle aconteceu ó Pastrán de Vesuña fai moitos anos. Mais si o home non perde o coraxe non se atreven coíl.
Todos coñecedes coma min ó Emilio, o castrador de Rugando. Atendede ben e xa sabereis que é certo todo canto levo dito encol dos lobos. E vostedes tamén, señoritos...
Non habería rapaz coma il se non fora tan xogantín. Xogaba hastra a camisa. Unha vez, na cantina da Cruz, xogou a besta con tódolos arreos, e perdeuna. Tivo que andar a pé castrando ranchos dende Leixazós a Pacios, ou de Bustelo a Vilañán. Era home moi botado para diante, i o primeiro nas liortas.
Se non me trabuco, fora pola Santa Lucía cando lle aconteceu o que vos vou contar. Por ise tempo todos sabedes que non traballan os capadores. O bon do home adicábase á farra. Faguía pouco que se casara cunha moza de casa forte. Xa estaba en tratos cun xateiro da Hermida pra mercar un cabalo.
Queríano moito en tódolos sitios onde capaba ranchos, e convidábano sempre á mata. Aquil día xantara en Arnado. Xa se sabe coma son ises xantares da mata. Empezan ás doce, poño por caso, e rematan ás cinco. O fígado asado con aceite e pimento, os roxós i o raxo. Viño, nunca falta. Tempo de fartura. Xantara aquil día en cas do Rulo. Enchéranse de néboa os cavorcos. Non se vía un burro a tres pasos, dispensando...
O Rulo díxolle que pasara a noite na súa casa.
-Andan os lobos –adevertiulle- moi bastos. Con ista néboa tan mesta pódeste esfragar. Non che pase coma o Bieito da Corga cando iba pra Ferramolín, que se derrubou polo canto do Mazo e foi dar ó río. Alí quedou difunto cos cuadrís partidos por testalán, pois teimou coma ti por saír de Vilarbacú unha noite coma a de hoxe.
Mais o capador faguía pouco que se casara, coma vos dixen, e non houbo xeito de faguelo quedar. Nin tan siquera quixo levar algús fachucos de palla pra o camiño. E alá se foi o Rugando tan soio cunha cachaba de freixo i a súa navalla no peto pra se defendere. Gracias a Dios que coñecía ben o camiño. Xa levo dito que era home valente. Il mesmo mo contou en Santa Cubicia de Quiroga, na tasca do Avelino.
Polas primeiras horas todo foi ben. Non viu amosas de lobos por ningures. Parouse a acender un pitelo inantes de chegar á lindeira da devesa de Bonxa. Mais de alí a un pouquichiño ouviu patuxar nun trollo. Xa sabedes que é un terreo fondal ondia se encora a iauga. Unha miaxiña dispois ouviu un longo aulido. I outro lle respondeu da outra banda da valgada. Tamén sentiu unhas carreiriñas polos dous lados do camiño. Os lobos seguían chamándose os us ós outros. Por sorte pra il, había moitos seixos no camiño. Encheu tódolos petos de croios. Non me dixo que empezara a ter medo, mais eu coido que si...
Dous lobos grandismos fórono acompañando. Iban sempre de par dil, ás dúas maos. Cáseque parecían dous cas que foran con seu amo. Se il se paraba, tamén iles se paraban. Algunhas veces púñanselle diante. Entón, o capador guindáballes un coio. E batíalles. Os lobos desapartábanse. No máis fondal dunha congostra tivo que pasar un pontigo. Había esgotado as pedras que trouguera nos petos. Xa lle quedaban poucos fósforos. Do outro lado do pontigo viu unhas luces coma de vagalumes. Acendeu un fósforo. Non había pedras no camiño. Tivo que coller bulleiro coas maus e tirarllo ós lobos, ó mesmo tempo que berraba moi forte. Ergueuse un e deixouno pasar. Cecais foran seis. A todos lles relocían os ollos. Un diles botoulle os dentes á cachaba i arrincoulla da mao. Íbanse metendo nil cada vez máis. Hastra lle fustrigaban as pernas cos rabos. Acendeu, un tras outro, os tres fósforos que lle quedaban. Gracias a isto puido coller un coio. Atinoulle a un lobo no peito. Regañaban todos os dentes coma cando se van a botar sobor das ovellas. Xa sentía que se lle esmorecían os pulsos, que se iba quedando sen forcia. Os lobos seguían a chamarse us ós outros. Tremaba coma un vimbio. Xa non os podía escorrentar nin siquera berrar. Íballe a estoupar o corazón. Unhas cantas lancañadas máis e xa estaría na casa. ¿Podería dalas? De sutaque, viu tremelar unhas luces na tébrega; ladraban us cas ó lonxe. Meteu os dedos na boca i asubiou. Chamábano de lonxe. Estourou un tiro de escopeta.
-Anda Rabelo, anda Sultán ouviu que decían.
Diante il había tres fachucos de palla ardendo. Seus tres cuñados dábanlle fortes apertas.
-Andabámoste buscando –dixo un. Chegaron o Sultán i o Rabelo brincando ó seu redor e dando ouveos de ledicia.
Entraron na casa. As mulleres estaban na cociña. Na gran lareira había un bon lume.
-Traguédeme auga –dixo o capador.
E caíu estalicado no chan.
Todos se alporizaron. Houbo moitos berros e prantos. Máis de dúas horas estivo sen sentido. Levárono ó leito. A forcia de fretas volveulle o acordo.
-Se non salírades a buscarme tan soio se me atoparían os ósos. Xa non podía resistir máis –dixo o bon do home.
Pra que vexades como traballan os lobos á xente.


Versión normativa in galego.eu : os rexistros lingüísticos populares que emprega Fole nos seus relatos, con dialectalismos, coloquialismos e vulgarismos son importantísimos para acadar o ritmo da narración oral en que se inspiran. Ou, dito doutro modo, Fole fai o que fixo Rosalía cos seus Cantares, leva á escrita fórmulas que escoitou na lingua oral. 
Que o disfrutedes.











xoves, 23 de maio de 2013

RAFAEL DIESTE: O neno suicida




O NENO SUICIDA


Cando o taberneiro rematou de ler aquela nova inquedante –un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita– falou o vagamundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun curruncho da tasca mariñeira, e dixo:
–Eu sei a historia dese neno.
Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.
–Eu sei a historia dese neno –repetiu o vagamundo–. E, tras dunha solerte e ben medida pausa, encomenzou:
–Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. ¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E a carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo,a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro.
De como despois o vello topou roupa e mantenza é cousa de moita risa. Chegou ás portas da cidade e como aínda non sabía falar, os ministros, despois de lle botaren unha capa enriba, levárono a diante do xuíz coma se tivesen sido testigos: Aquí lle traemos a este pobre vello que perdeu a fala coa tunda que lle deron uns ladróns entrañados. Nin roupa lle deixaron.
O xuíz deu ordes e o vello foi levado a un hospital. Cando saíu, xa ben vestido e mantido, dicíanlle as monxiñas: Vai feito un bo mozo. Ata parece que perdeu anos.
Daquela xa aprendera a falar algo e fíxose esmoleiro. Así andou moitas terras. Alá en Lourdes estivo dúas veces; da segunda tan amozado que, os que o coñeceran da primeira, coidaron  fora milagre da Virxe.
Cando adquiriu experiencia de abondo pensou que o mellor era manter secreta aquela estraña condición que o facía mías mozo cantos máis anos corresen. Así, non o sabendo ninguén –non sendo un ou dous amigos fieis– podería vivir mellor a súa verdadeira vida.

Traballou de vello e fíxose rico para folgar de mozo. Dos cincuenta ós quince anos a súa vida foi a máis feliz que se pode imaxinar. Cada día gustaba máis ás mozas e andou enleado con moitas e coas máis bonitas. E ata disque unha princesa... Pero diso non estou certo.
Cando chegou a neno encomenzou a vida a se lle ensarillar. Dáballe medo a sorpresa con que o vían entrar tan ceibe nas tendas a mercar lambetadas e xoguetes. Algún rateiro de viseira calada teno seguido ó longo de moitas rúas tortas. E algunha vez ten comido as súas lambetadas a tremer de anguria, coas bágoas nos ollos e o almibre nos beizos. A derradeira vez que o topei –tiña el oito anos– andaba moi triste. ¡Pesaban, ademais, tanto no seu espírito de neno os recordos da súa vellice!
Logo encomenzou a lle escaravellar día e noite unha obsesión tremenda. Cando pasasen algúns anos recolleríano en calquera calexa extraviada. Quizais algunha señora rica e sen fillos. Despois… ¡Quen sabe o que pasaría despois! A lactancia, os paseos nun carriño, cunha soalla de axóuxeres na manciña tenra. E ó remate... ¡Ou! O remate poñía espanto. Cumpri-lo seu sino de home que vive ó revés e refuxiarse no seo da señora rica –poida que cando ela durmise– para ir alí devecendo ata se trocar primeiro nunha sambesuga e despois en arumia e logo en pequenísima semente...
O vagamundo ergueuse moi pensabundo, coas mans nos petos, e deu algúns paseíños todo amargurado. Ó cabo dixo:
–Explícome, si, explícome que se chimpase un tiro na sen o pobre rapaz.
Os catro bebedores de augardente crían. Os cinco de albariño surrían e dubidaban. O taberneiro negaba. Cando todos desortían máis enfervoadamente, o taberneiro ergueuse de súpeto nas puntas dos pés e púxose a mirar todo arredor cos ollos moi abertos. O vagamundo desaparecera sen pagar.


En Dos arquivos do trasno, RAFAEL DIESTE











luns, 20 de maio de 2013

X.L.Méndez Ferrín : O Suso










“O Suso”

A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. El era sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Non era posíbel deixar de cumprir os seus desexos. El non mandaba, simplemente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Baixei. Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.
-Hai un rapaz no río -díxome o Suso.
Eu non lle demandei se é que o rapaz afogara. Pero voltei a testa, inquirindo, como a testa dunha víbora. Respondeume:
-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos... Éche un rapaz.
Detívose e perguntoume pregando o entrecello: -Tes medo?
Ía eu permitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña medo.
Pero o caso é que todos os rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso os fora tirar do leito ás dúas da mañá para ir ver un afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, como se mordera unha grande mazá que me enchera a boca.
Pero eu tiña medo e sabía que chegado o intre había ter aínda máis medo. Díxenlle:
-Non. Non teño medo. E logo?
Puxémonos a andar á beira do río.
A néboa era lixeira, coma un cristal algo suxo. Facía frío. Saíra con roupa de menos e cando me dei de conta daba dente con dente.
-Estou aterecido, Suso.
El non respondeu. Agora que recordo xa non dixo máis nada en todo o tempo que durou o noso camiñar á beira do río.
Daba eu un paso e un medo novo botábame unha poutada igual que un gato bravo, irritado.
O río da Barbaña fede: alí concéntrase toda a merda de Ourense.
Ergueuse vento e tiven máis frío. Pero, sobre de todo, molestoume o grande rumor dos canavais, axitados coma unha cabeleira erecta que berrase. Fixeime no Suso. O Suso sempre tranquilizaba coa cara morena e fina que el tiña e os xeitos seguros. E a punto estiven de berrar: o Suso ía coa cabeza baixa camiñando con pasos inseguros, todo denotando nel inseguridade. Fiquei perplexo e pareime, cos ollos moi abertos, el non fixo máis nada que isto: olloume fixamente, fixamente. Como só el sabía ollar. Eu recuperei a calma no acto.
Saquei dous pitos que lle roubara ao meu pai. O Suso dixo que non coa cachola. Eu acendín un. Parei. O Suso seguía a andar. Deime de conta de que as pegadas do Suso non erguían absolutamente ningún bruído e por segunda vez estivez a punto de berrar... Pero mordín o labio inferior e seguín, notando que un delgado sangue me escoaba polo queixo. O Suso parouse. Estaba algo lonxe de min, enriba dunha tubería de formigón armado. Pareceume alto e lonxe. E moito. Berroume como adoitaba berrar, como unha corneta:
-Manolito. Xa chegamos. Está na beira, ti busca por alí. Eu vou por alá.
As últimas palabras removéronme e puxéronme carne de galiña. Tatexei:
-Non... Non...
E el repetiu:
-Eu vou por alá.
Vin desaparecer os seus ollos opacos e poderosos. Foixe.
E eu púxenme a buscar o rapaz afogado ao resplandor escasísimo que viña do barrio do Couto.
O vento rizaba a auga porca da Barbaña. E batíame o fedor na cara coma unha sucia man. Metín un pé no río e mordeume un frío agudo.
E atopei ao rapaz afogado na beira, a flor de auga.
Foise o medo inexplicablemente.
Era un rapaz -visto entre a néboa, entre a auga, á luz afastada do Couto- de proporcións parellas ás do Suso ou ás miñas. Chamei: -Suso. Suso. Suso.
Deille a volta moi asustado, pero sen medo. Deille a volta. O rapaz afogado tiña ollos de animal de baixoterra.
Tiña os ollos do Suso.
Tiña a admirada cara do Suso.
O rapaz afogado era o Suso.
Botei un berro liso e longo como unha lombriga. A néboa espesárase. O vento quería fender os canavais. Volvín berrar e o berro foi outra vez longo e repulsivo. Caín. Erguinme. Iniciei unha carreira cega.
Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E metinme na cama acorado e molladísimo.
Pasou o tempo.
Pasou o que quedaba de noite, nun estado de semi-inconsciencia.
E toda a rapazallada do barrio comezou a berrar baixo da miña fiestra.
-Manolito, Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou onte no río.
Erginme e mirei o río. Era día grande. Non había néboa.

Xosé Luís Méndez Ferrín: O crepúsculo e as formigas


Versión audiovisual